"Nacín en A Coruña hai xa 39 anos. Vivín 3 anos en Bilbao e 7 en O Saviñao, pero dado que levo 28 anos en Chantada, considérome se lugar a dudas un chantadino de pro. Empecei a adestrar en 1989 (xa casi levo 20 anos adestrando), e actualmente adícome de xeito profesional (de momento) ó deporte...", así se presenta o coordinador das Escolas Deportivas de Chantada, pero como creo que este resumo é moi curto, pasaremos a facerlle algunhas preguntas.
Héctor: ¿Como e cando comezaches no mundo do deporte? Dende os inicios...
Guillermo: Os meus comenzos co deporte reglado son ós 11 anos, pois empecei a competir en Atletismo no deporte escolar alo polo ano 1980, representando ó Colexio hoxe chamado Xoán de Requeixo. Creo lembrar que quedei 4º provincial dos 150 metros en categoría alevín.

Guillermo é o segundo empezando pola dereita
Logo recordo que cos amigos xogabamos ó Fútbol sala a todas as horas, incluso e dado o nulo interés polo Fútbol Base naquela época nesta vila, lembro perfectamente que organizamos nos mesmos unha liga, cada un poñía cartos e compramos unha copa para o 1º clasificado: xogaban equipos con nomes como Atlético Estrella, Vistalegre, Zaquín… e xogábamos nunca pista exterior de cemento que había no IES “Lama das Quendas”. Desta época lembro tamén que con 12 anos quedei fora dos infantiles da SD Chantada alo polo ano 1981. Foi unha das desilusións máis grandes que tiven na miña infancia, lembro que eramos máis de 35 rapaces e quedaron fora do equipo 15, eu entre eles. Dende entonces teño claro que mentre eu siga adestrando NINGÚN rapaz con ganas de xogar o Fútbol vaise quedar sen equipo no que xogar. Tamén recordo perfectamente que (como cabezón que son) volvín a intentalo ó ano seguinte, esta vez si me colleron e fun titular, quedamos Campións Provinciais Infantiles. Como anécdota decir que nesa época só nos daban a camiseta para os partidos, cada xogador levaba da súa casa as medias e o pantalón que tivera.

Guillermo, primeiro pola esquerda na fila de arriba,
co equipo infantil de fútbol campión provincial na temproada 82-83
Posteriormente debutei en Regional Preferente con 16 anos (hoxe en día non llo recomendo a nadie, cada rapaz debe de xogar na categoría que lle corresponde para evitar lesións, poucos minutos de xogo, e non privarse de estar cos amigos). A título persoal advertir que a día de hoxe e debido a especialización precoz que tiven de de rapaz, sufro innumerables lesións: problemas de xeonllos e nocellos, lumbalgias,etc. A maioría evitables cun mellor adestramento e menor competividade.).
Tamén teño moi bon recordo en categoría cadete alo polo ano 85 en Balonmán, pegámoslle auténticos repasos a Monforte e equipos de Lugo capital. Pero por enriba dos resultados, lembro perfectamente que os mellores recordos eran as viaxes, adestramentos e a convivencia diarias cos compañeiros. Hoxe en día case parece obligatorio que os rapaces teñan ídolos nos futbolistas profesionais, eu personalmente naqueles anos tiña como referente e sigo gardando gran admiración a Manolo Martínez, o meu profesor de Educación Física do Instituto que me inculcou a gran importancia de practicar deporte.
Guillermo, segundo pola esquerda na fila de abaixo co equipo de balonmán do IES Lama das Quendas
Héctor: É inevitable mencionar que as Escolas Deportivas xorden da cabeza de Guillermo, pero ¿como nacen as Escolas? ¿como fóron os inicios? ¿e cómo evolucionan ata a actualidade?
Guillermo: As Escolas Deportivas nacen dun proxecto creado entre Jorge González Ledo (Licenciado en E.F.) e eu alo polo ano 1994 en vista das carencias deportivas na nosa vila. Pouco despois Jorge marchou traballar a Vigo. Así que en 1995 asumín en solitario a xestión e organización, tendo dende entonces o apoio imprescindible do Concello de Chantada e con todos os Concelleiros de deportes destes anos volcados neste proxecto.
Creo que nestes 14 anos demostrouse que si das opcións, a xente responde e practica deporte. Aínda que lle moleste a algúns, somos un referente non só en Lugo senon tamén en Galicia. Nesta vila hai xente que presume de estar en clubes con máis de 38 anos de existencia, eu só digo que as Escolas Deportivas de Chantada moveron máis xente en 14 anos que o resto de clubes en 40.
Héctor: Un cálculo rápido ¿cantos deportistas pasaron dende o 1994 polas Escolas Deportivas? ¿Cantos son profesionais? ¿Cantos crees que seguen a practicar deporte?
Guillermo: Nestas 14 tempadas, pasamos dos 291 inscritos no ano 1995, ao récord que batemos o ano pasado con 636 inscritos. A parte dos rapaces, tamén traballamos con adultos, 3ª idade e discapacitados. Eu calculo que en todos estes anos levan pasado polas Escolas Municipais máis de 5.000 persoas. Profesionais debemos distinguir 2 tipos: adestradores e deportistas. Adestradores que vivan desto pode haber unha ducia. Deportistas claro está que Fran Vázquez, xogador internacional de Baloncesto; pero está claro que o máis importante é que creamos hábitos saúdables entre miles de chantadinos que seguen a practicar actividade física.
En relación a última pregunta, decir que para min é un orgullo que rapaces que empezaron conmigo con 8-15 anos, e que hoxe son Abogados, Arquitectos, Inxenieiros, etc. seguen a facer deporte. Creo que nós (todos os monitores) axudamos a inculcar o valor da práctica deportiva durante toda a vida da persoa. Isto demostra que o deporte non interfire nos estudios, todo o contrario, é un complemento ideal.
Héctor: Como queda claro que tes vivencias, experiencias e coñecementos para darnos unha visión do entramado estructural do deporte; queremos saber ¿cal é o enfoque co que debe afrontar un deportista a súa actividade habitual?
Guillermo: Tendo en conta que de cada 5.000 deportistas so chegará 1 a ser profesional, está claro que debemos inculcar o deporte como un medio, unha ferramenta, a través do cal conquerimos importantes logros: saúde, socialización, educación integral, catarsis, e como non, un xeito divertido e motivador de utilizar o noso tempo libre. A inmensa maioría da xente que practica/practicou deporte fai unha valoración positiva desta actividade física. Resumindo miles e miles de persoas non poden estar equivocadas.
Héctor: Como este é un blog adicado case en exclusiva ó fútbol, ¿que che gusta deste deporte e que eliminarias do mesmo?
Guillermo: O Fútbol como actividade deportiva paréceme estupenda. Quizáis faría algúns trocos no regulamento para conquerir máis goles por partido. Esta claro que rematar partidos con resultados de 0-0, 1-1 e polo estilo, fan este deporte (as veces) moi aburrido. Tamén introduciría o Fútbol a 9 en categoría infantil, coido que a esta idade o campo é un pouco grande para as súas condicións físcas, técnicas e tácticas. Fun un dos defensores do Fútbol 7 no seu comenzo en Galicia (en 1992), e estou convencido das súas ventaxas en idades tempranas.

Campionato de fútbol 7 no Poblado de FENOSA en 1998
O que menos me gusta (a parte das lesións) e o mundo paralelo que o rodea: intereses persoais, diñeiro, política, violencia, etc.; pero o grave é que estas lacras tamén chegaron hai anos, non só o Fútbol profesional, senón tamén o chamado “Fútbol afecionado".
Héctor: Algunha anécdota nestes últimos anos...
Guillermo: Teño que admitir que lembrando os comenzos no 1994, non me podía imaxinar todo o éxito das Escolas Deportivas co paso dos anos. Realmente excedéronse as expectativas máis optimistas. Pero quero deixar claro que estes éxitos pertencen a todos en xeral (participantes, pais, monitores, Concello, etc.)
Héctor: Algunha frase celebre ou idea para a práctica deportiva...
Guillermo: Como filosofía para afrontar a páctica deportiva, por coincidente, gustariame destacar unhas palabras de Matt Biondi (varias veces campeón olímpico e do mundo de natación): “Hai demasiada énfase no éxito e no fracaso e moi pouco en como a persoa progresa a través do esforzo. Disfruta da viaxe, goza cada momento e deixa de preocuparte pola vitoria e a derrota”
Dende aquí, agradecer o tempo adicado a entrevista e a confesión de toda unha vida adicada a práctica deportiva cuns valores firmes, que ademáis de facilitar a práctica deportiva á milleiros de chantadinos, seguen a inculcarse en todos e cada un dos rapaces que pasan polas súas mans (entre eles eu que comecei nas Escolas alá polo ano 1994).
¡¡¡Moitas gracias "Guille"!!!
No hay comentarios:
Publicar un comentario